Castro Ribeiras de Lea

castronamemoria@gmail.com

Sobre nosotros

Nas festas de Castro de 1986 a asociación Os Zoelas levou a cabo unha exposición de fotografía antiga que contou cun grande éxito. En 2010, por petición da comisión de festas, un grupo de amigos (J.Manuel Novo, os irmáns Pablo e Javier Rielo e M. Ricardo Lamela) montou unha nova exposición, que neste caso tiña como motivo central “As festas de Castro”. Na primeira das exposicións os poucos medios cos que contaban só lles permitiron presentar unhas fotocopias ampliadas das fotografías, en tanto que as copias perdéronse e tamén algún dos orixinais, mentres que na segunda, os avances tecnolóxicos permitiron dixitalizar as fotos, facer carteis coas fotografías e incluso deseñar unha presentación dinámica en PowerPoint.

A tecnoloxía continúa avanzando e hoxe é posible subir estas fotos a internet e darlles unha nova vida, podendo ser contempladas e comentadas por calquera que teña interese en coñecer ou recordar o noso pasado.

A Asociación Cultural Gaia de Lea proponse continuar este labor e realizar un proxecto que recupere as historias e fotografías que dormen nos caixóns das casas da nosa vila co obxectivo de conservar e difundir este patrimonio cultural e contribuír a que a nosa xente nova e as xeracións futuras poidan ter acceso a estas historias. Pero tamén para todas aquelas persoas que queiran recordar e botar unha mirada o pasado.

Queremos que esta colección de fotografías sirva tamén para mostrar o crecemento e as profundas transformacións experimentadas na nosa vila, cambios de costumes, tradicións, paisaxe, etcétera. Para conseguir este obxectivo consideramos importante que, ademais das fotos, recompilemos copias de documentos históricos, reportaxes de prensa e outros elementos que teñan que ver coa nosa historia.

Trátase polo tanto de poñer en valor e recuperar a nosa memoria histórica a través da fotografía, evitando coa súa dixitalización que rematen na desaparición. Isto débese a que entendemos que o patrimonio fotográfico é unha fonte de información histórica, etnográfica e cultural. Así mesmo, consideramos que pode servir de base documental para futuras publicacións, traballos de investigación ou promocións.

Para tal fin utilizaremos a tecnoloxía de Phottic, que nos permitirá presentar esta colección de CASTRO NA MEMORIA en distintos álbums. Deste xeito prevese engadir un valor ás imaxes mediante o uso da tecnoloxía de xeolocalización, que nos permitirá superpoñer a fotografía antiga á situación actual, o antes e o agora.

SOBRE OS ÁLBUMS

Esta colección organízase por álbums

Castro século XX:
Aquelas fotos que nos aporten como se van establecendo en Castro distinto tipos de comerciantes, que maioritariamente veñen de fora, e pouco a pouco vaise facendo un pobo.
Pero tamén aqueles investimentos que van ser fundamentais para o crecemento do pobo (Granxa Provincial, “Hogar-Escuela”, Psiquiátrico, Colonización, Incubadora, …)

A capela de Castro:
En Castro, o non ser parroquia, non había igrexa, pero si unha capela de principios do século XVIII , arredor da cal se establecían os vendedores ambulantes os días de feira.
A festas de Castro en honor o Doce Nome de María eran e son unhas das máis importantes da zona.
Desde principios dos anos cincuenta o día da Virxe de Fátima os pequenos celebran a súa primeira comuñón en Castro, e non en Duarría.
Por iso neste álbum vamos recoller fotos, da capela, do día de Fátima e das festas de Catro.
Tamén das obras de ampliación da capela ata converterse en igrexa.

A feira:
Castro é un pobo relativamente novo, que vai medrando pouco a pouco arredor do campo da feira. A principios do século pasado era unha das máis importantes da provincia de Lugo.
Recollemos aquí todas aquelas fotos feitas un día de feira e que nos axuden a comentar como eran as feiras dos anos cincuenta e sesenta.

Tal como éramos:
Neste álbum recolleremos todas aquelas fotos das nosas xentes.

Aquela escola:
Fotos de grupos de escolares da antiga escola, pero tamén das primeiras promocións do colexio.
Do comercio tradicional o polígono industrial:
Queremos recoller aquí as fotos das antigas tendas, comercios, barberías, tabernas, bares, cafés, etc. Pero tamén de como se foron transformando e da industria que pouco a pouco se foi asentando no pobo.

75 anos da Granxa Provincial Gayoso Castro:
Aquelas fotos que nos permitan ver a súa evolución.

Do Hogar-Escuela a FUDACE:
Fotos que nos mostren os distintas usos que se lles deu a este edifico, os primeiros anos como “orfelinato” masculino, acollendo nenos de seis a dezaoito anos, moitos deles hoxe veciños de Castro. Logo como centro de educación especial e hoxe sede de FUDACE(Fundación daño cerebral)

Marbella, Torremolinos ( o manicomio)
Fotos das instalacións, dos empregados a maioría veciños de Castro, dos internos que eran e se sentían veciños de Castro.
Castro era coñecido en toda a provincia polo manicomio, e cando un se presentaba como veciño de Castro a miúdo había una resposta con certa sorna.

Colonización:
Recolleremos aquí fotos dos primeiros tractoristas do Instituto Nacional de Colonización, das obras realizadas e dos colonos, tratando de comentar a gran importancia que colonización tivo para Castro.

Prensa e documentos:
Fotos de documentos e de recortes de prensa de acontecementos de interese.

Asociacións:
Álbums cedidos a asociacións para que poidan subir fotos do seu interese.


AGRADECEMENTOS
Queremos agradecer en primeiro lugar a Deputación provincial polo financiación de este proxecto.
E a Manuel Rodríguez Aira pola restauración de algunhas fotos.